domingo, 21 de febrero de 2016

A peste negra

A peste negra foi unha epidemia concreta de peste que chegou a Europa, a China, o Medio Oriente e outras rexións do Mundo durante o século XIV (1347-1350), matando un terzo da poboación da Europa e proporcións probabelmente semellantes noutras rexións.
A peste non só decimou a poboación senón que destruíu a brillante civilización europea da baixa Idade Media, da construción das catedrais e do Feudalismo e Mercantilismo, que foi substituída pola bastante diferente civilización dos Descubrimentos e do Renacemento, logo que a poboación volveu a medrar.
Durante o período de revolución que causou, cuestionáronse institucións como a Igrexa Católica, prosperaron novas formas de relixión místicas e de pensar e minorías inocentes como os leprosos e os xudeus foron perseguidas e acusadas de seren a causa da peste.
 A peste entrou en Galiza pola costa (en Baiona, por exemplo, entrou a finais do ano 1348) e espallouse cara ao interior. Na Igrexa de Santa María a Nova de Noia, o sartego de Alvaro Paz Carneiro lembra a súa morte por causa da Mortalda, o día 15 de agosto da era 1386, é dicir, o 15 de agosto do ano 1348.
EFECTOS
Os efectos demográficos, culturais e relixiosos foron inestimables. A poboación descendeu en máis dun terzo. Os sobreviventes do pobo e da pequena nobreza e burguesía probabelmente se enriqueceron, por aumento dos salarios debido á diminución da man de obra e descenso dos prezos de terras e rendas. Os grandes propietarios rurais, dependentes totalmente do traballo alleo, sufriron algún declive económico. De aí se explica a proclamación das leis do suntuario, que prohibiron aos viláns usar roupas caras como os nobres. Non estando as divisións sociais tan claras como antes a nivel de propiedade, insistiuse máis nos títulos.
As persecucións ás minorías aumentaron drasticamente, e especialmente os pogroms contra os xudeus. O feito de que a maioría dos médicos fosen xudeus, e do fanatismo relixioso que se apousou das poboacións aterrorizadas, terá contribuído para a acusación e persecución a esa minoría. Alén diso os xudeus ficaron sospeitosos cando, debido ás súas leis talmúdicas de hixiene, as súas vítimas foron en menor número que as de comunidades cristiás. Houbo máis de 150 masacres e decenas de comunidades xudaicas máis pequenas foron exterminadas polos motíns dos cristiáns, facilmente incitados polos priores locais, a pesar das condenas polos altos cregos. A persecución dos xudeus na Alemaña levou á súa emigración en masa a Polonia e Rusia, onde mantiveron a lingua alemá no seu dialecto hebraico, o Yiddish.

Os leprosos tamén foron perseguidos, culpados como os xudeus de diseminar a doenza (a Lepra naturalmente non ten relación coa peste).



No hay comentarios:

Publicar un comentario